O IODO RADIACTIVO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

04 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Creo que xa contei noutra ocasión que cando se produciu o accidente nuclear de Chernóbil, eu estaba nunha pequena localidade de Eslovenia, unha vila case paradisíaca, con balneario e unha pequena illa de xoguete no medio dun lago, onde celebrabamos as sesións dun encontro de escritores de todo o mundo, entre os cales se atopaba o inefable e famoso Chinuá Achebe, que non falta nunca a ningún congreso. Foi precisamente el quen me deu a noticia do desastre, mentres paseabamos á beira da auga cun grupo de colegas. Ó se decatar de que chovía un pouco, dixo: «Imos para adentro, que a chuvia non é boa polo do accidente nuclear». Eu non tiña nin a máis mínima idea do que estaba falando, ata que nos aclarou que en Ucrania se producira unha catástrofe. En canto cheguei ó hotel, tratei de informarme, pero nin os escritores locais nin a xente da organización tiñan ganas de falar, ademais de que non sabían moito máis ca min. Incluso a periodista que actuaba como encargada de prensa se permitiu a libertade de facer unha broma moi pouco afortunada sobre o que sucedera, supoño que seguindo consignas oficiais para non alarmar o turismo. Entón, chamei á embaixada de España en Belgrado. A señorita que me atendeu, moi amable por certo, confirmoume a gravedade da situación e deume unha recomendación sorprendente: que me duchara todos os días. Cando lle respondín que eso xa o facía, aconselleume ir a unha farmacia e mercar pastillas de iodo, o mesmo que acaban de facer agora as autoridades británicas coa xente que vive perto dos submarinos nucleares. O malo é que non había as tales pastillas e que, polo tanto, me fartei de absorber iodo radiactivo a traveso da tiroide, tan voraz. Nada máis chegar á casa consultei cunha amiga, experta na materia, que me dixo: «Non te preocupes. O mar está cheo de vertidos incontrolados de iodo como ese». Espero que desde entón, alguén teña feito algo por remedialo.