O QUE NON PODE SER

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

03 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai anos, Manuel Vázquez Montalbán publicou un libro titulado El libro pardo del General, ou algo así, que era unha especie de parodia do célebre Libro vermello de Mao Tse Tung, no que se recollían citas de Franco. Ignoro se todas as frases que alí figuraban eran certas ou se había tamén algunhas apócrifas, pois en varios casos todo parece indicar que se podería tratar de maledicencias nacidas nos cénaculos da oposición clandestina, destinadas a facer burla do personaxe, antes que de citas verdadeiras. Por exemplo, unha delas, relacionada cun avión de fabricación nacional que non chegou a voar. Con ese motivo, Franco diría: «Voces en el extranjero aseguran que el Alcotán no vuela. Tampoco la gallina vuela y no por eso es un animal menospreciado». Máis creíble, aínda que con dúbidas, é aquela outra que tería que ver cun pronóstico equivocado, aventurado días antes de que os Aliados desembarcasen en Normandía e se iniciase a fase final dunha guerra que Hitler tiña perdida desde que os americanos puxeran un pe no norte de África un par de anos antes. Segundo Vázquez, Franco diría que por fin estaba claro que as hostilidades tiñan chegado a un punto morto. Sexa certa ou non esa frase, o que quero dicir, como insinuei estes días pasados, é que o oficio de profeta resulta sempre arriscado para todo o mundo, incluso para os científicos. Con motivo do cambio de milenio, algúns deles expresáronse cunha contundencia categórica, polo menos imprudente, tanto a favor do que pode suceder no futuro, como de todo aquelo que pensan que será imposible . Habería que recordarlles a metedura de pata de algúns dos seus ilustres colegas, concretamente dun dos máis respectados ciruxáns ingleses do século pasado, que asegurou cunha contundencia que non tivo tempo de lamentar porque morreu antes de que se demostrase a súa equivocación, o seguinte: «Nunca, nunca, se podrá abrir un abdomen».