DOUS EXEMPLARES HUMANOS

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

01 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Como resultaba inevitable, nos últimos días do ano que acaba de pasar, tiven que responder para algúns periódicos e emisoras de radio a esas preguntas rituais sobre balances e profecías. Excuso aclarar que, aínda que ningunha das dúas perspectivas me entusiasma, prefiro a primeira antes que a segunda. Pódense dicir moitas tonterías sobre o pasado, pero tratar de prever o futuro equivale a dispoñerse a facer o ridículo, incluso sendo adiviño. Aínda recordo a cara de sorpresa dun golfo que se dedica a esa clase de camelos, un día que parou a Julio Anguita nunha rúa madrileña para preguntarlle unha dirección. Cunha lóxica aplastante, o líder comunista, que o acababa de recoñecer por telo visto na televisión, díxolle: «¿E cómo me pregunta eso a min, vostede que é adiviño?». Tampouco é que sexa fácil falar do pasado para recordar todo un século. Eu acordeime da localidade lituana de Kaunas, onde estiven hai uns meses. Alí, no verán de 1941, un individuo ruín matou a uns 50 xudeos a paus, mentres a xente aplaudía. Cando rematou a faena, subiu por riba dos cadáveres, colleu un acordeón e púxose a tocar o himno nacional do seu país. Hai fotos do suceso. Esta é unha das imaxes da centuria. A outra é ese vello polaco, delgado e con cara de paxariño, a quen vin un día recibindo a comuñón das mans do papa no Vaticano. Ese señor débelle a vida ó xesto heroico de outro ser humano, un padre xesuíta, compañeiro seu nun campo de exterminio nazi, cando os presos foron colocados en fila para seren dezmados. Tan pronto como o home se decatou, despois de contar rapidamente, de que a el lle tocaba un dos números fatídicos, botouse a chorar en silencio, farfullando entre dentes os nomes dos seus fillos. Nese momento, o crego que estaba ó seu lado, sen dicir palabra, só cun sorriso, cambioulle o sitio e regaloulle a vida. Ambos os dous, o carniceiro lituano de Kaunas e o cura polaco, pertencen á mesma especie humana.