XOSÉ CARLOS CANEIRO BARCO DE PIRATAS
30 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.O pesimista sería pensar que no vindeiro milenio non cambiará moito o panorama: Ana Rosa, Tamara, Cañete, Supermartes, esas cousas. Pero nós, os que navegamos con este barco de papel, estamos condenados irremediablemente. Condenados á esperanza, ese perpetuo delirio. Perseguimos lúas como se puidesemos tocalas, as lúas, coa punta dos nosos dedos piratas. Instalados na utopía consideramos que só cabe ir mellorando. Aliviar a existencia edificando ilusións (que nunca se cumpren), batallas en que sempre vencemos (aínda que perdamos), argumentos con final feliz . Alivios, simplemente. Resultaría máis digno meterse en política, que si, queridísimas e queridísimos todos, que si. Os políticos sempre teñen esa patraña do ben común e do servicio público ao alcance da súa man. Nós, máis mortais, posuímos simplemente as cicatrices do tempo para consolarnos. Chove, vai frío, qué sol tan imprudente, inverno, a calidez da soidade. Nós, que non nos dedicamos ao servicio público, só podemos falar do tempo na frialdade das horas fráxiles, esas que nos devoran. Ano tras ano. Milenio a milenio. Acariciándonos. Convénzanse, o 2001 será o seu ano. Falo completamente en serio. Caerá a lotería do Neno no país, moi repartida, claro, favorecendo a inmigrantes, parados, pensionistas, pescadores, vacas, escritores. Fraga volverá ser presidente e anunciará que non abandonará, ¡nunca!, a nao galaica que tenazmente pilota. Volverán as escuras anduriñas a depositar, juanpardeando, os seus niños na televisión nosa. Ana Kiro gravará un disco con Superpiñeiro e superpresentarán un superespectáculo no verán de Galicia, verbena a verbena (¿Non lles parece unha magnífica idea?). Ademais, digo eu, é posible que reencontremos os abrazos. Que a intelixencia se poña de moda. Que os soños sexan posibles. Que a emoción siga petando no noso peito, ao levantarnos, ao ler un poema, ao escoitar as cancións de viño e rosas, ao contemplar o ceo que olvidamos mirar no albor de mel e limón. O teléfono non coleccionará absurdos e abrirá os seus dentes de nácara para bicarnos, para querernos, para emborracharnos de fe. Os amigos seguirán sen facer caso da hipertensión ou do tabaco e deitarán en cada día os enigmas todos do universo, a súa ventura, o seu candor ilimitado (¡vivir, vivir, vivir!). Os inimigos ganarán altura (quero dicir que os grandes inimigos, os necesarios, son aqueles que non se deixan caer moi baixo). A neve será de zucre e licorcafé. Os oráculos dictarán dádivas e beneficios para esta terra anestesiada. As luces ganarán o territorio das sombras. As despedidas serán mentira. E seguiremos sendo libres. Piratas. ¿Que máis se pode pedir?