XULIO RÍOS AQUÍ FÓRA
26 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Un triángulo de misterio une ao magnate Vladímir Gusinski con Rusia e España. Cando o presidente Putin visitaba oficialmente España, en xuño pasado, a fiscalía rusa ordenaba a súa detención. E cando agora ven pasar uns días na súa luxosa mansión de Sotogrande, en Cádiz, a fiscalía española ordena tamén a súa detención. ¿Que pasa con Gusinski? A clave parece estar no desexo presidencial de controlar o seu grupo de comunicación. Gusinski preséntase como un crítico do réxime, un demócrata preocupado polo futuro do seu país, pero ata 1999 formou parte da Familia, o selecto grupo de achegados a Ieltsin; é un máis dos que edificaron a súa colección de riquezas a partir da rapina dos fondos estatais. Gusinski forma parte desa mafia expropiadora que fixo palidecer aos soviets. Resulta curioso contrastar esa denuncia mil veces repetida de que o goberno de Putin é unha ameaza de réxime autoritario, cousa certa, con aquel silencio cómplice cando o seu amigo Borís bombardeaba o Parlamento. As súas críticas á guerra de Chechenia saben a oportunismo. Habilmente, Gusinki quer presentar o seu tira e afrouxa con Putin como un problema de liberdades. A de prensa en Rusia está en perigo, por suposto, pero non tanto polo encausamento deste empresario como polas continuas detencións ilegais e asasinatos de tantos profesionais que arriscan a súa vida para informar. Claro que Putin podía ensañarse con outros potentados de pasado oscuro, pero a información foi sempre o negocio do KGB e non admitirá competidores. Por iso parece inevitable que a presidencia de Putin signifique a ruína de Gusinski, a non ser que cambie pronto de negocio.