NOTAS AO REMATAR O MILENIO

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS DA FIN DE SÉCULO

25 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

As miñas crónicas perden sentido nestes días e como todo vai seguir o mesmo no século XXI ratifícome no meu inconformismo, e non porque a realidade é conservadora por inercia do ben e do mal, tamén porque nos pillou nun tempo confuso que nos fixo bailar coa máis fea. Polo ano 28 fixen a primeira comunión, cun traxe de mariñeiro, xunto aos nenos das escolas de Santiago. Encheramos a praza do Hospital, que así se chamaba entón a do Obradoiro, nunha concentración oficiada coido que polo arcebispo Alcolea. Previamente nos insinaron a cantar no claustro de San Martín Pinario. Nos cantos ía algo máis que o misticismo relixioso (Ruge el infierno/brama Satán/la fe en España no morirá, no morirá). Na miña casa e as xentes que viñan a falar co meu pai o facían contra a dictadura do Xeneral Primo de Rivera. Empezabanse ver escarapelas coas cores da República. Eu estudiaba na Academia Gelmírez de José Teixeiro. O 14 de abril pillou a meu pai e a Salvador García Bodaño na América acompañando ao Coro de Rueda. Teixeiro leunos a cartilla: a República viña a pór orde e disciplina (no 36 Teixeiro perdeuno todo e anos máis tarde atopeino a el á súa muller María Vilarelle, vendendo billardos e carqueixas nunha tenducha da avenida de Fisterra na Coruña, onde eu ganabame a vida pintando publicidade nos tranvías, na parafernalia del Imperio hacia Dios, retratos do Caudillo, e outras cousas. O tempo da República foi unha época de gran ilusión e esperanza, na que agromou o gran poder de creación deste século que asombrou ao mundo e aínda segue a representarnos como o gran poder de creación da Iberia. Mais aquel gran movemento intelectual non podía resolver de inmediato as acucientes necesidades económicas que tiña o país, e axiña empezaron as liortas. Os políticos pedían unha solución federal para a estructura do Estado, mais tiveron que conformar cunha federable. Logo vimos que todo o poder creador da España tivo que exilarse, cando poido contalo, durante 40 anos. Das ideas nascidas na República aínda que deformadas polas transixencias que houbo que aceptar ao redactar a Constitución do 78, só a descentralización económica no Estado das Autonomías (café para todos) supuso un melloramento xeral. Entre os problemas que quedan nas vosas mans no século XXI está o do País Vasco, que herdamos do franquismo. Alá van máis de 30 anos, pretendendo acabar con el con métodos policiais nun cúmulo de ignorancias históricas e de erros. Trátase dunha cultura pre-romana que se pensa formouse no paleolítico, defendéndose das culturas latinas que o cercaron. Os visigodos falan nas súas crónicas dos feroces vascones, e a Guía do Calistino prevé aos peregrinos da xente brava, aínda que con grandes virtudes relixiosas e con fala estraña, que se van a topar. Os carpetovetónicos néganlle tradición como nación, cando no mare magnun da alta idade media, Sancho III Maior Rei de Navarra, logo de Aragón, conde de Castela e máis tarde dominando León, ao casar con Sancha de León, que trae vínculos dos Sancho Ordóñez, reises da Galiza, deixa ao seu fillo Fernando I rei de Castela e León, quen á súa morte reparte os reinos entre os seus fillos, a García, Galiza; a Alfonso, León; e a Sancho, Castela. Ninguén pode xustificar as mortes de signo algún. Mais sumado ao sentimento nacional que ten ese pobo estase acumulando o de revancha de ver cada vez máis vascos na cadea. Velai fica este problema.