Á MARXE CARLOS CASARES
21 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Estiven lendo no The New Yorker, esa alegría periódica que me chega de América por correo, unha historia sobre o célebre monstro do Lago Ness, do que había tempo que non se escoitaba falar. Como se sabe, de cando en vez, ese animal descoñecido e prodixioso aparece na prensa e volve desaparecer, igual que din que ocorre na realidade. Antes, os soviéticos aseguraban que se trataba dunha maniobra do capitalismo occidental para distraer á xente das súas graves preocupacións en época de dificultades ou de crise. Naturalmente, era unha bobada, dita con solemnidade, pero bobada ó fin e ó cabo. Estas tonterías e outras semellantes foron as que convertiron o comunismo soviético nunha calamidade intelectual, non apto para persoas intelixentes. Entre os que cren na existencia do monstro, está un profesor americano que xura telo visto en presencia de testigos e que lle fixo unhas fotos que deron a volta ó mundo, publicadas por prestixiosas revistas. Non se trata de ningún ignorante, pois este home, por exemplo, é o inventor do sistema que guía os famosos contramisiles Patriot, dos que tanto se falou na prensa internacional cando a famosa Guerra do Golfo. Agora anda outra vez polo lago, instalando complexos e costosísimos sistemas electrónicos destinados a detectar, de forma indiscutible, a existencia do bicho ese. Tan cabezón coma el, un colega seu fai o mesmo, pero xustamente ó revés, empeñado en demostrar que non existe. Os dous investigadores teñen fama de intelixentes, polo menos nas materias técnicas ás que se dedican nas súas respectivas profesións, aínda que xa se sabe aquelo de que a intelixencia é moi difícil de medir, como demostra o feito de que o xadrez, por exemplo, desenvolve moito a intelixencia para xogar ó xadrez. Dito esto, en caso de guerra, e que me perdoe quen corresponda, eu non estaría demasiado tranquilo se me tivesen que defender os antimisiles que inventou este señor.