ALTERNATIVAS

La Voz

OPINIÓN

ANTÓN REIXA ÁREA DE SERVICIO

18 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Cando un executivo armado dun estudio de viabilidade afirma que hai que reducir gastos nunha empresa está dicindo irreversiblemente que hai que despedir xente. Despois a empresa sálvase ou non, é vendida, algunhas permanecen e incluso se dan casos (os menos) de compañías que despois de sobrevivir chegan a crear máis postos de traballo. Pero o irremediablemente habitual para o traballador despedido é que nunca recuperará ese posto de traballo e cando por fin reingresa no mercado laboral é despois dunha longa etapa de paro e de desgaste humano. A economía como ciencia imaxinativa é francamente limitada. Cando a crise abrangue a todo un sector, a única variante é que ademais o traballador debe aturar a charlatáns teóricos e políticos falaces dicindo que hai que reconvertirse e buscar alternativas. Algo así está pasando coa frota de palangre en Galicia, a que pesca no banco canario-sahariano: dous mil mariñeiros sen traballo, despois de varios anos de mobilizacións, retóricas inútiles sobre novos caladoiros que nunca se concretan e a inoperancia total da defensa dos seus intereses na UE fronte a Marrocos. Pasou tamén coa crise do sector naval e pasará coa pesca no Gran Sol. Nesa falta de previsión e planificación hai unha responsabilidade enorme por parte da clase empresarial, das institucións e da política en xeral que sempre resulta á contra do traballador. Estes días soubemos que os usuarios de Internet en Galicia son un pouco máis do 8% da poboación. Pendentes de trens e autovías, xa sabemos que chegaremos demasiado tarde á informática e á Rede, condicións inevitables de calquera alternativa laboral na economía futura.