O PCP

La Voz

OPINIÓN

XULIO RÍOS AQUÍ FÓRA

09 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Os militantes históricos viven con certa amargura o congreso que o Partido Comunista Portugués celebra esta fin de semana en Lisboa. O enferruxamento da ortodoxia acabou coa paciencia de membros tan significativos da dirección do vello partido como Helena Medina, responsable dos intelectuais; António Andrez, responsable da organización en Lisboa; Edgar Correia; José Soeiro, responsable do Alentejo, quen aínda dubida; António Lopes; Emídio Ribeiro; Demétrio Alves; Carlos Brito; Maria Manuela; Branca Carvalho, e un longo etcétera. Estas perdas son de lamentar cando no país veciño o partido aínda ten moito que dicir. Transparencia A esencia do debate radica na interpretación do pasado recente, nas apostas de futuro, pero sobre todo, na demanda de máis transparencia na vida interna, de superación do enorme déficit democrático que existe nese partido con paredes de vidro, que dixera Alvaro Cunhal. Os que se apartan fanno sen boato, con serenidade e discreción, porque comparten cos que se quedan os mesmos obxectivos lexítimos de fonda transformación social, se ben, como afirma Urbano Tavares en Visao, pensan de diferente maneira. Os chamamentos á disciplina non poden coartar o debate sobre os asuntos de fondo. En tempos de confusión, un partido grande como o PCP debera esforzarse por osixenar as súas células e someter os seus medos á irradiación de grandes doses de libre circulación de ideas.