TRANSPARENCIA E CONTUNDENCIA

La Voz

OPINIÓN

GALICIA Y LAS 'VACAS LOCAS' FRANCISCO CERVIÑO GONZÁLEZ

08 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

A infantil reacción de pecha-los ollos cando hai perigo, non evita o perigo. Exactamente iso, tapa-los ollos, foi o que fixo a Xunta de Galicia, que ten tódalas competencias en Sanidade animal, nos últimos anos diante da posibilidade de que o mal das vacas locas chegase ó País do millón de vacas. E hai, había, moitas probabilidades de que iso fose así, e así foi. Chega o mal e o Goberno Galego segue practicando unha política ocultista, afirmando cousas inverosímiles dende o punto de vista científico, falando de mutacións xenéticas, vacas estranxeiras, cando hai poucas dúbidas de que a infección se produce por vía dixestiva; ou sexa, a través de pensos con fariñas de orixe animal. E tardan un mes para comunica-lo caso da vaca de Carballedo cando so se necesitan nove días para coñece-lo resultado da análise, co fin de ter tempo a tomar algunhas medidas; por certo tímidas, medrosas e insuficientes. Nós cremos que a mellor maneira de enfrontarse a unha crise e de defende-los intereses dos gandeiros e da nosa industria é exactamente a contraria: actuar con transparencia e contundencia. Os socialistas xa temos proposto desde hai varias semanas un plan de choque dirixido a: protexe-la saúde dos cidadáns como obxectivo prioritario; volver a gaña-la confianza dos consumidores e dos gobernos estranxeiros nos nosos productos cárnicos; axuda-los gandeiros economicamente nun inevitable período da quebra económica no que xa estamos. Tódalas medidas propostas por nós xa se están a aplicar nalgúns países da U.E., e nas últimas horas o goberno español e a propia UE parecen camiñar neste sentido. Non se trata pois de repetilas. So insistir en, primeiro, o control de tódalas reses de máis de 20 meses; a prohibición de tódolos pensos de orixe animal; o incremento inmediato das inspeccións en tódalas explotacións gandeiras; traslado, análise e incineración das vacas que morran de causa descoñecida con máis de 20 meses á cargo da Administración; retirada dos materiais específicos de risco (cerebro, médula, etc.) dos matadoiros con cargo á Administración; establecemento de medidas de intervención específica para evitar na medida do posible a baixa dos prezos (almacenado con subvención pública); e establecemento de indemnizacións suficientes polo sacrificio dos animais infectados e medidas de compensación de rendas polo período de recuperación da actividade. Cremos que con estas medidas, levadas a cabo con decisión e sen medos, protexerase a saúde dos cidadáns, os intereses dos gandeiros e os de Galicia.