EU NON QUERO IR Ó INFERNO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

05 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Eu non quero ir ó inferno. Digo esto porque onte, o título do meu artigo parecía suxerir o contrario. O que eu escribín foi «Querer ir ó inferno», aludindo a aquel veciño meu de Xinzo de Limia que manifestaba esa querencia, e non «Queremos ir ó inferno», que foi como apareceu aquí. Eu nunca crin nun lugar onde queiman á xente, pero un día, cando estudiaba o bacharelato, ocorréuseme preguntarlle a don Vicente Risco, como experto na materia, se era posible que houbese un sitio horrible reservado ós condenados onde se empregaba o lume para castigar os seus pecados. Como na pregunta ía implícita a dúbida, don Vicente miroume durante uns segundos e logo díxome: «Pois segue pensando esas parvadas e verás como o acabas experimentando no propio corpiño». Nunca me vin tan perto da condenación eterna, pois daquela eu cría que a sabiduría de Risco chegaba ata esas zonas escuras do máis alá. Menos mal que o meu confesor, o padre Cesáreo, un franciscano santo, díxome que non me preocupase desas cousas, que o importante era ser boa persoa e que non lle parecía que eu fose tan malo como para merecer ser queimado polos séculos dos séculos. Despois non lle dixen nada a don Vicente, por se acaso. Agora nin o Papa acredita neso, o cal supoño que lle terá causado algúns disgustos. Cando comentou en público que o inferno non era un lugar e que polo tanto tampouco había lume, escoitei en Vigo, nunha cafetería, a dúas señoras que comentaban a sorprendente novidade. Despois de falaren durante varios minutos sobre o asunto, unha delas díxolle á outra: «¿Pero tú no crees que este Papa está loco?». Non me chamou a atención o acto de rebeldía en contra do Sumo Pontífice, pois desde a época de Paulo VI souben que había moitos fieis que non tiñan empacho en dubidar da saúde mental daquel home intelixente, senón que aquelas señoras non se alegraran de que non houbese inferno. Para os demais, claro.