ÁNGEL SICART JIMÉNEZ
30 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Falar das bondades da Muralla de Lugo nestes momentos de ledicia e satisfacción pola súa declaración como Patrimonio da Humanidade é unha oportunidade que ninguén que coñeza e disfrute con este monumento pode deixar escapar. Sen embargo, para min este intre tráeme profundos recordos, uns amargos e outros máis felices, do complexo proceso que viviu a Muralla ata acadar este obxectivo polo que loitamos durante máis de dous anos. Moi pouca xente se acorda xa daquel 19 de febreiro de 1998 no que a Xunta conseguiu incluír á Muralla de Lugo na liña de saída para a súa nominación como Patrimonio da Humanidade. Foi unha aposta arriscada, xa que eramos conscientes da competencia coa que iamos ter que loitar ata chegar á meta. Moita ilusión e moitas horas de traballo foron os principais ingredientes cos que un grupo de técnicos e funcionarios elaboraron un completo informe sobre a Muralla que aprobou con nota tódolos exames: primeiro, o Ministerio de Educación e Cultura; posteriormente, o Comité Executivo da Unesco e, finalmente, a xuntanza do Comité Patrimonial da propia Unesco. Neste proceso tamén é preciso salienta-lo ánimo e apoio que a candidatura recibiu por parte de importantes personalidades da cultura e da política de dentro e fóra de Galicia. Vou facer unha mención especial ós novos folgos que supuxo para a candidatura as palabras que ó seu favor adicaron os Duques de Lugo, así como a intensa actividade que mantivo o propio presidente da Xunta, Manuel Fraga, ou a rápida resposta do presidente do Goberno, José María Aznar, á súa solicitude de apoio. Visto desta forma, todo este camiño percorrido parece sinxelo e sen obstáculos. Sen embargo, ninguén que participara neste proxecto poderá esquece-los momentos vividos antes de cada exame, as dúas visitas que recibimos do persoal enviado pola Unesco ou os contactos de ultimísima hora realizados na propia cidade de Cairns para consegui-lo apoio duns países que eran máis partidarios de recortar declaracións que de outorgar outras novas. Tivemos un final que podemos celebrar. Quixera destacar a unión que existiu en todo momento entre as distintas administracións públicas, así como a colaboración ofrecida desde organizacións públicas e privadas ou por persoas que se sentían identificadas co proxecto. Todos eles apuxaron á Muralla de Lugo cara á súa nominación como Patrimonio da Humanidade.