ERNEST LLUCH: LEMBRANZAS

La Voz

OPINIÓN

BEATUS QUI LEGIT / Xesús Alonso Montero

28 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Trateino, aínda que minimamente, desde hai moitos anos. Lembro, con precisión, o noso primeiro encontro no verán de 1973 (¿ou 1974?). Foi en Barcelona, nun dos cursos da Escola d''Estiu que organizaban os mestres e pedagogos antifranquistas da Asociación Rosa Sensat, orientada, en gran parte, por nacionalistas comprometidos a fondo coa tarefa de reincorpora-lo catalán _o idioma catalán_ ó ensino. Nesa causa e nesa loita _semiclandestina daquela_ estaba Ernest Lluch, que non era, exactamente, nacionalista. Bastáballe con ser humanista. Eu fora a esa Escola d''Estiu para falar dos problemas do galego: dos problemas do galego e dos problemas dos galegos, porque o gran problema dunha lingua _a súa pervivencia_ está intimamente vencellado ós problemas culturais das clases sociais que a falan ou que a subestiman. Ese día batín con Ernest Lluch, rodeado dun grupo de mestras e de mestres catalanistas. Sumeime ó grupo, con Antía Cal, directora do colexio vigués Rosalía de Castro, e Biel Dalmau, comunista barcelonés entregado de cheo ás reivindicacións lingüísticas de Rosa Sensat. Lluch, que falaba un catalán pausado, non me pareceu brillante; pareceume algo mellor: persuasivo, é dicir, convincente por convencido. Quería facerlles ver a aquel grupo de profesores que os cataláns non só teñen dereito a teren escola en catalán senón dereito a expresaren en catalán _tamén en catalán_ que os non nacionalistas nunha sociedade posúen os mesmos dereitos que os nacionalistas (á cultura, ó traballo e... á vida, glosaría eu hoxe). Hai poucas semanas Ernest Lluch e mais eu tomamos xuntos un café no aeroporto de Barajas, nun deses días en que os avións non chegan ou chegan moi tarde. Falamos daquel vello encontro, daqueles tempos, daquelas esperanzas, de Galicia e do País Vasco. Pregunteille cal era, no Euskadi de hoxe, o imperio ideolóxico de Sabino Arana, «autor de textos moi despectivos e perigosos» (palabras miñas) contra os galegos humildes que gañaban o pan, daquela, en Bilbao e noutros lugares do País Vasco. Ernest Lluch coñecía eses textos, pero opinaba que a xenofobia de Sabino Arana _do sabinismo_ non só era sociolóxica. Nese momento, como anunciaron pola megafonía do aeroporto a «sortida» do avión de Barcelona, Lluch non tivo tempo de explicarme ou aclararme este enunciado. Hoxe, días despois da brutal traxedia, estou convencido de que este asasinato, ademais de inmensamente doloroso, é un dos máis inicuos de ETA. Lluch, nun futuro Euskadi sen ETA en armas _o único Euskadi con futuro_, sería unha voz moi importante ó servicio da razón democrática.