Á MARXE / Carlos Casares
28 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Recordo que a primeira vez que estiven no aeroporto de Kastrup, en Copenhague, hai xa bastantes anos, vin que para recorrer os inmensos corredores da terminal, algunha xente utilizaba patinetes de dúas rodas. Fixeime primeiro nun señor xa maior, de pelo branco, alto e delgadísimo, cun pescozo enorme e con cara de loro.Pasou ó meu lado correndo como unha xirafa, lento pero seguro, moi elegante. Ninguén o miraba, a non ser eu. De seguida o vin perderse polo fondo, camiño dalgún avión. Logo xa me decatei de que non era o único pasaxeiro que se valía daquel medio de transporte, pois había patinetes como aquél arrimados ás paredes, que moita xente collía para adiantar uns metros ou que deixaba alí despois de facelo. Eu, de pequeno, tivera un destes aparatos, aínda que quizais non tan bon como os que se vían en Copenhague. Fora un regalo dos Reis Magos. Durante algunhas semanas, o corredor da casa dos meus pais, en Xinzo, largo e de madeira, serviume de campo de exhibición. O artiluxio durou o mesmo tempo que tardou a miña nai en chegar á conclusión de que lle raiaba o piso, que ela quería ter sempre brillante, recén encerado. Así acabou aquel gozo infantil. Polo tanto, no aeroporto de Kastrup, eu empecei a sentir unhas ganas irrefreables de montar nun daqueles patinetes, pero unha estúpida sensación de ridículo impedíame facelo, aínda sabendo que ninguén me coñecía. Por dúas veces o intentei e as dúas veces desistín, pero como ocorre case sempre, cando xa non había remedio, empecei a arrepentirme. Desde aquela, ás veces acordeime do episodio, sen máis complicacións, pero agora resulta que os patinetes están de moda outra vez. Polas mañáns, cando vou traballar, crúzome con rapaciños que acuden á escola montados neles. Ganas non me faltan, pero non pode ser, aínda que non sei ben cal é a razón... Porque no fondo, entre as moitas bobadas que un fai ó cabo dun día, esta non sería a peor.