EMILIO PÉREZ TOURIÑO
22 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Cando coñecín a noticia da tráxica morte de Ernest Lluch, víctima da cobardía de quen se queren impoñer á democracia polas armas, sentín o profundo pesar de saber que aquela sería a derradeira lección que podería aprender de aquel profesor que, en 1972, nunha manifestación máis do seu voluntarismo e concepción vitalista da convivencia, se decidíu a viaxar a Compostela a impartir un seminario á primeira promoción de Económicas. Pegado á realidade social do país, a súa traxectoria vital é un compendio de leccións maxistrais sobre o modelo de comportamento humano nun nivel de coherencia ó que honestamente creo que todos debemos aspirar. Capaz en todo momento de compaxina-la docencia cunha vida de firme compromiso cos valores cívicos e o convencemento en que é posible transforma-la sociedade, Lluch tiña a capacidade de convivir co mundo do pensamento, do traballo intelectual e cos problemas da rúa, da educación, da cultura, do deporte, da comunicación. Era unha persoa admirada e querida po los que o coñecimos persoalmente ou mediante a súa acción política, académica ou como colaborador nos medios de comunicación. En definitiva, cumpría co perfil da víctima que procuran os que, carentes de razón e corazón, teñen a vileza por norma de conducta e a violencia como medio de expresión. Ernest Lluch demostrou ser un home comprometido coa liberdade e os valores democráticos, sempre, ata o extremo. Un compromiso que o levou a compartir coa cidadanía vasca a loita pola paz e a convivencia en democracia. Diálogo, entendemento e tolerancia son as claves que sempre defendeu e este é a parte máis importante do seu legado político. Estou convencido que asasinatos como o que se acaba de producir deixa en nós unha pegada de rabia que é difícil pero necesario conter. A extorsión ou calquera manifestación de violencia dos terroristas non nos separarán da convicción de que a Constitución e o sistema democrático son o marco no que podemos organiza-la nosa convivencia política. Logo de deixar unha herdanza inesquecible de integridade, tolerancia e firmeza na defensa dos pilares da vida en democracia, Ernest Lluch merece descansar co convencemento de que os demócratas temos que traballar unidos contra o único inimigo que nos queda: o terrorismo. Apoiando ás forzas e corpos de seguridade e ó Poder Xudicial no exercicio das súas competencias e facendo un esforzo por deixar atrás calquera cuestión, sempre menor, que poidera interferir no noso entendemento, no diálogo necesario e imprescindible entre as forzas democráticas. Colleitemo-la firmeza do profesor entregado, dentro e fóra das aulas, á construcción da democracia da que agora conmemoramos o cuarto de século e adiquemos tódolos nosos esforzos á paz. Será a nosa mellor homenaxe a quen nunca dubidou por poñerse ó servicio dos demais.