PEPE HIERRO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

17 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

O xoves pola noite, nada máis chegar de San Sebastián, souben a través da televisión dos problemas de saúde de Pepe Hierro, internado nunha clínica de Cartagena en estado grave. Eu pensaba velo en México a fins deste mes, durante os encontros literarios que se van celebrar na cidade de Guadalajara, onde estaba programada unha homenaxe á súa persoa. A última vez que o vin foi en Madrid, hai seis meses. Subimos xuntos as escaleiras do Palacio Real, el collido do meu brazo, para asistir á recepción que o Rei lle dá ós escritores con motivo do Día do Libro. Tardamos unha eternidade en chegar ó piso principal, pois cada poucos banzos, o poeta tiña que parar a coller aire. Non deixou de facer bromas sobre o seu estado. Nun dos descansos, Hierro confesoume un pecado grave: que a pesar de todo, co enfisema que lle paralizaba os pulmóns bourándolle o peito cada minuto do día e da noite, aínda seguía fumando de xeito clandestino, sen que Angelines o soubese. Por suposto, non lle din consellos nin lle dixen que aquelo que facía era unha loucura. Hai cousas que non se poden dicir sen caer no ridículo. Despois de todo, levaba anos tendo problemas co tabaco. Recordo unha vez que estabamos nuns grandes almacéns, coas respectivas mulleres, mercando uns calamares que el quería cociñar aquel día para os catro. Mentres elas entraban no supermercado, nós quedamos fóra, nunha das plantas, falando. Nada máis sentirse libre, Pepe acendeu un cigarro, só para darlle unhas caladas, segundo se xustificou comigo. Neso que, por un olvido, a súa muller apareceu de volta, de xeito inesperado. O poeta deixou entón caer o cigarro subrepticiamente, pero un señor que pasaba por alí, no momento máis inoportuno, avisonou, pensando que fora un acto involuntario. Hierro resolveuno coa gracia de sempre e Angelines reprochoullo cun sorriso, tamén como sempre. En fin, querido Pepe, aguanta, que no ceo está prohibido fumar.