VIAXATAS POLA BEIRA LITORAL

La Voz

OPINIÓN

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

09 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Lembramos hoxe unha andadura por terras portuguesas que xa nos eran familiares. Un coche e un culto amigo agardábannos. Iamos percorrer de novo os camiños da Beira Litoral. A hora do fermoso outono era esgueira e lucidía. De diante dos ollos abríase unha paisaxe na que alternaban cos viñedos, os piñeiros, as oliveiras, os millos recén seiturados. Sentiamonos movidos por ese rever visual. Esa ledicia de embotar a retina en panoramas xa antes dexergados. Queriamos, dalgún xeito, fixar as cousas que pasaban fuxidías. Levabamos un caderniño e un lapis, e apuntabamos unhas breves frases para que a paisaxe, a palabra, a fisonomía que ían desaparecendo, adquiriran certa supervivencia. Visitamos, de primeiras, un antigo mosteiro hieromita, daquela, residencia da Casa de Braganza. Dentro da igrexa, de fachada barroca, o panteón dos Silvas, delicado conxunto plástico da renacencia portuguesa. Proseguimos a viaxe por retortas estradas deica Tetúgal, sonada polos versos de Antonio Nobre. Alí, moi preto, o pazo de Cadaval erguía o seu albiscar cara os campos do Mondego. A nosa ollada andaba a se identificar coas cousas. Avantaba, coidadosa, apoiándose na gasa da néboa, e teimaba sobre a tona dos obxectos. O noso amigo falaba, pousada, acougadamente, das semellanzas entre a paisaxe que percorriamos e a de vella Galicia. Entendía que, desde o Cantábrico ó Mondego, non había transición acentuada. Que Galicia, como un todo xeográfico e étnico, extendíase ata as marxes do saudoso río. Engadía que a propia Coimbra fora poboada por galegos... No entanto, emprendimos o regreso por Castanhede, antiga terra fortificada, e entón centro dun dos concellos máis importantes de toda a Beira. Estabamos xa en Curía, cando alá ó lonxe se ía ensombrezando a serra ergueita do Caramulo. No día seguinte fixemos a viaxe por outros camiños. Atopámonos na Pateira de Fermentelos, unha longa sabá de auga adurmiñada. Navegamos nunha pequena barca pola lagoa, cuberta de nenúfares, onde ó amencer viñan a se bañar en bandos os parrulos bravos. Voltamos rodar pola estrada, agora cara a Costa Nova do Prado, apenas unha estreita lingua de area que a afastaba do oceáno. Aveiro amecíase a ela. Baixo un ceo azul fondísimo, deseñábanse con simplicidade liñal os horizontes. O Atlántico formaba a ría na foz do Vouga. A ría comunicaba coa cidade por tres canles. Mais, a partir deles, tecíase unha rede labiríntica de estradas e de atallos acuáticos polos que navegaban arreo pequenas naos. Sentiamos como unha atmósfera lenturecida envolvía a paisaxe como un bafo. Os conos brancos de sal, esparexidos en longa sucesión nas marxes dos canles, íanse esvaíndo á par que nos alonxabamos da cidade. Alí ficaba Verdemilho, onde Éça de Queiroz pasara varios anos da súa nenez. A Buçaco subimos unha e outra vez. Na Cruz Alta sentimos como a intensidade e pureza da visión panorámica reducía a nosa alma á contemplación pura. Desde as varandas das portas de Coimbra e de Caifaz, albiscamos fermosos detalles do engaiolador horizonte. Logo, repetimos a andadura polas veredas de Fontefría ou dos Fetos, entre a follaxe riba da que caía a se esleía a claridade dunha luz atlántica. O último paseo beirense levounos ata a airosa e antiga vila de Mira. Raúl Brandâo describira de xeito realista a curiosa aldea mariñeira. Lembrámolo mentres almorzamos ó aire libre, entoldados pola mesta follaxe da arboreda.