VEINTE DÍAS DE NOVIEMBRE MEMORIA PERSONAL: Benedicto, cantautor membro do colevtico 'Voces Ceibes'
09 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.«Voces Ceibes empezou como colectivo no ano 68. No 75 estaba prácticamente desaparecido, desperdigados; en Galicia quedaba eu só». Benedicto García lembra que Xerardo Moscoso xa marchara para México; Bibiano estaba en Madrid; Miro Casabella, en Barcelona... «A represión era terrible», di o cantautor. _¿Era esa represión o motivo dese espallamento? _Non, non. Foi por motivos profesionais ou vitais. Eu traballaba na Enciclopedia Galega como maquetista e fotógrafo. Para sacar os números adiante tiñamos que facer marabillas. A represión era enorme. En esa tesitura, para min o poder cantar era pura anécdota. _Pero facíao... _Pese a todo, cando podía, saía a cantar intentando supera-la censura. As máis das veces eran recitales non autorizados. _E cando o eran, tiñan que pasar as letras das cancións polo filtro da censura, ¿non? _Aínda gardo na casa esas letras cos selos de prohibido ou autorizado. Amóstrollas á xente xove e non o cren. Ademáis, os criterios eran distintos e persoais, segundo os lugares. Igual podía cantar na Coruña o Monólogo do vello traballador, cando en Vigo estaba prohibida. _E cando tiñan permiso, ¿era certo que recibían no teatro a visita dos sociais? _Sempre. Sempre tiñamos a visita do señor de bigotiño recortado, que nos advertía de que estaban alí. Pero a complicidade co público era enorme, extraordinaria. Unha pista nosa xeraba o canto inmediato e completo por parte da xente da canción que tiñamos prohibida. _¿Época, por tanto, triste ou entrañable? _Entrañable, pero que non volva. Pero é certo que se requería un esforzo colectivo de intelixencia innegable. _¿E coa morte de Franco? _Sentín unha enorme satisfacción, aínda que eu crin que xa morrera cando Carrero. Estaba en Londres e déronme mal a nova. Pero eses días de novembro foron cómicos. Ver ao Réxime mantendo en alcanfor aquel corpo xa acabado... Non houbo respeto nin pola morte.