Á MARXE CARLOS CASARES
31 oct 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Onte pola tarde aproveitei a morriña da chuvia e a escuridade do día para botarme nun sillón en posición de vago estomballado, e ler unha biografía de Billy Wilder, un dos mentiráns máis simpáticos que andan polo mundo adiante. Cando estaba completamente metido na lectura, o gato Samuel achegouse amodiño, pegou un salto suave e acochouse no meu colo. En vez de poñerse a durmir, deulle por fregarse contra o libro e dificultarme a tarefa. Por varias veces, collinno pola cabeza e obrigueino pola forza a estar tranquilo, pero sen éxito. El seguía empeñado no seu xogo. En vista de que non conseguín convencelo para que se calmase, agarreino polo pescozo e depositeino no chan. Digo «depositar», cando en realidade debía escribir «tirar», pois eso foi o que fixen, lanzalo polo aire como quen tira un trapo. Nese momento acordeime dun colega que escribía uns artigos humanísimos, un pouco cursis para o meu gusto, sobre o seu can. De boa tinta, eu souben que o citado articulista trataba mal ó bicho, tanto que andaba a patadas con el e que o insultaba con lingua viperina, chegando a chamarlle «rata asquerosa», «chucho infecto» e outras nomeadas dese estilo, todas humillantes para o animal. De pronto, vinme a min mesmo incluído na lista dos hipócritas que presumen dunha cousa e fan exactamente a contraria. Creo que xa teño dito aquí que, desde hai anos, sigo un principio que considero, en xeral, bastante acertado: a xente que proclama as súas propias virtudes adoita posuír en realidade os vicios contrarios. O outro día, sen ir máis lonxe, vin na televisión a un individuo que coñezo ben dicindo que se sentía unha persoa modesta. Recordoume a un tipo que vin hai anos predicando en Hyde Park, subido sobre varios caixóns de madeira. No momento en que proclamou a berros a súa decencia, caeulle o tinglado e pegou unha zoupada tremenda. O que pasa é que hai quen fai os púlpitos de ferro.