«ACÓ NON HAI MÁIS CERA QUE A QUE ARDE»

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS DA FIN DE SÉCULO

29 oct 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Teríamos que pedir coherencia na nosa conducta; que se corresponde o que dicimos có que facemos, e que prevalezca a exposición sintética e transparente para que se seipa por onde imos cada un de nós. Fixéronnos consumidores, como se o obxetivo da vida fose o consumir, todo controlado polo código de barras como se a nosa existencia fose unha lata de pementos. Andan por ahí ciscadas moitas teorías sobre a mundialización e cando nos falan das novas tecnoloxías hai que se pór en garda porque o que queren é «vendernos a moto». ¿Que é eso da economía mundial? Foron prostituindo o significado da ciencia económica, que xa non ven a representar máis que os intereses duns cantos que non cesan nas súas ansias, ou máis ben parvadas, de dominio. Teño amigos que defenden a globalización como o non plus ultra da creación humana, e nos falan constantemente das novas tecnoloxías (o que proba que non andan ben de semántica), das virtudes da competencia, das formas de inversión de carteira, dos préstamos e colocación de débeda... e toda esta mistura, sempre ligada á rede, que xa sabemos quen tira dela. Ó que non nos din cales on eses novos mecanismos operativos que mellorarán o que se come ou esa «cera que arde». Porque os valores globais frente aos locais, son conceptos xa vellos, que se teñen producido espontaneamente. Queren, sí, a libre movilidade de capital, que é igual que a liberdade de movementos para mercar cañóns por quen ten a posibilidade de mercalos. Sabemos onde hai petróleo e onde se tira das entranas da terra; tamén sabemos onde se refina e se distribúe. O que non sabemos é quen son os donos dese complexo tinglado. Se o xeneral Mosconi, creador dos Yacimientos Petrolíferos Fiscales (YPF) levantara a cabeza da súa tumba e vise que o petróleo arxentino xa non era arxentino, entón si que, voluntaria e definitivamente, morrería para sempre. Craro que isto, ainda que non tan craro, xa ven de lonxe. Frondizzi, cando un día dixo, en Paraná: «Argentina es un país soberano y como tal recibe a quien debe y hace lo que cree y debe hacer», ao día seguinte, os militares, que se tiñan formado en West Point, o botaron da presidencia, porque a doctrina Monroe tiña sido modificada en favor dos que tiñan máis de todo e máis forza. As grandes operacións que se fan entre as grandes empresas, sempre respaldadas ou integradas por outras financeiras máis poderosas, nono fan para incrementar a producción da «cera que arde», senón para ter máis poder, para se quedar con todo, eliminar a competencia e poder dormir tranquilos. Eso de que a globalización aumenta a competencia é un conto chino. O libre mercado sirve para que os que teñen máis se fagan con todo e eliminen a competencia, macro-operacións facilitada pola privatización das grandes empresas. Temos estes días nos medios novas sobre estes negocios, nos que entran os expolios que se fixeron cos nosos recursos naturais, e coa nosa situación xeográfica. «Somos galegos e non nos entendemos». Este é o noso mal e nos insultamos e nos descalificamos. E non se trata de que todos pensemos do mesmo xeito, senón de dialogar e convencer para defender o que é noso; como bos galegos, ou galeguistas, non abonda con tolerar que se fale en galego, se non ver que a nosa terra está deixando de ser nosa.