TODO É MEMORIA

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS

27 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

NON É POUCA TEIMA a miña con isto do mar. Vivindo terra adentro, nas planuras da Armaía, levo dúas semanas buscando un nome para este novo portal dos sábados e non dou saído das rías. A luz das rías, esa saudade que rebota ás veces cara ó interior e pon un aura máxica nas tardes do val, dende Ortoño a Bastabales, dende os altos de Brión ás encostas das dúas Angueiras e a pequena aldea de Beca, o Castro Lupario, que disque é unha das máis antigas do mundo. Extramundi. Hai por aquí un lugar que se chama así, e que Camilo José Cela utiliza para a súa revista de letras. Porta da Chave. Alqueidón, que Marilar Aleixandre meteu nun conto de trasnos. Gundín. Lestrove. A memoria de Rosalía de Castro marabíllao todo, dende Iria a Santiago. Pero eu volvín ó mar, esa saudade, digo, porque ó final todo é memoria e teño diante de min (aínda) os vellos galeóns da ría, as dornas polbeiras entrando dende Tambo contra o atardecer, buscando os peiraos da Racha e da señora Dina nas Corbaceiras pontevedresas, a descargar o polbo e maila nécora, e supoño que estas cousas se levan dentro para sempre. O meu tío Alfredo, mariñeiro de altura, gustaba de levarnos a ver saír os barcos do porto de Marín (o porto dos pontevedreses). Unha tarde fomos a Vigo. Zarpaba o Montserrat, non sei se o Canarias, cuns parentes para Venezuela. Os trasatlánticos parecían enormes factorías. O meu tío quedouse a mirar para fóra, para a luz do océano, e nós preguntámoslle que era o que ollaba. Quedou un anaco en silencio e dixo: «Aí empeza o mundo, rapaces. Deus poña vento nas velas». Sospeito que de aí vén este retallo de literatura. FALO DOS NOMES DE LUGAR e acordeime daquel taxista de Madrid a quen lle peguntei un día polo nome da paisaxe que vai dende as extremeiras da cidade ó aeroporto de Barajas. Quedou mirando para min, sorprendido. Eu expliqueille que en Galicia todo ten un nome e hai un nome para cada cousa, mesmo para as máis pequenas. Un recanto, a volta que fai o río, a encosta que sube cara ós piñeiros, a entrada das leiras, cada anaco de monte ten un aquel que os paisanos saben e vén nas partillas: Porta de Garias, Rego de Couso, Goio da Auga, Os Sapos, son topónimos (microtopónimos, din os especialistas) que aparecen ás veces cada vinte ou trinta metros. A humanización da paisaxe e a identificación do home coa terra foi tan intensa en Galicia, tan milenaria e profunda, que mesmo as pedras e os coullóns poden ser nomeados. Todos son distintos. Iso é unha riqueza, certamente, mais en parte tamén explica as dificultades obxectivas (e non racionais) que se presentan cada vez que hai que abrir un camiño público ou hai que expropiar terreos para calquera infraestructura. Cada paisano, na mentalidade tradicional, ten interiorizado de tal xeito o seu entorno inmediato que non só o considera propio, senón parte de si, da súa anatomía, obxecto de inestimable (e esaxerado) agarimo que, chegado o caso, pode sentirse coma unha auténtica amputación. O taxista ollou para min, moveu a cabeza e limitouse a responder: «Aquí no tenemos esos problemas. Aquí todo es páramo». A LINGUA É COMA UN RÍO e vai deixando pegadas na memoria das cousas. Xosé Antón Palacios e Gonzalo Navaza levan anos traballando nun proxecto de Diccionario Galego de Topónimos, algo que nestas páxinas facía tamén noutrora Fernando Cabezas. Detrás de cada nome hai unha historia. A Ponte do Pasatempo, onde as xentes do arcebispo de Compostela entretiveron á familia do Mariscal Pardo de Cela para impedir que chegase o indulto que había de evitar a súa execución na praza maior de Mondoñedo, por poñer un caso, ou aquela outra Ponte das Cabras, que unía os mosteiros de San Xoán de Poio e San Salvador de Lérez, en Pontevedra, da que fala o Padre Sarmiento na súa Viaxe a Galicia. Vento nas velas para esta nova andaina que quixera ser (tamén) airexiña de optimismo.