UNHA BOA NOTICIA

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

23 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Escoitei dicir na radio que nalgunha cidade, da cal non retiven o nome, un rapaz e unha rapaza con síndrome de Down van vivir xuntos nun piso, como parella. Na tertulia na que se comentaba o feito, alguén dixo algo que nunca se deixa de dicir en ocasións semellantes, ou sexa, que esto non debía ser noticia. Excuso engadir que discrepo de tal tipo de cautelas. En primeiro lugar porque se trata dunha auténtica novidade. En segundo, porque non está mal que se recorde a existencia de persoas con problemas como este, pero que teñen vida afectiva, que se enamoran como o resto dos mortais e que todo lles resulta moitísimo máis difícil e complicado, incluso a aceptación de que podan formar unha parella. Como exemplo, podo poñerme a min mesmo. Recordo a sorpresa que levei hai anos, en Suecia, un día que vin na televisión un programa sobre unha parella como esta. Durante unha hora, os dous falaron das súas dificultades, que empezaran xa na escola, onde a pesar do esforzo dos mestres, había nenos que os miraban como se fosen bichos raros. A rapaza queixábase de que a ela a insultaban chamándolle Stalin e o seu compañeiro contaba que un día lle puxeron diante un periódico en chino e lle dixeron: «A ver, traduce». Pasado o tempo, eles mesmos rían daqueles episodios infantís, tan lonxanos que en vez de ferir, facían gracia, pero falando do seu presente queixábanse de que os mobles da cociña lles quedaban demasiado altos, de que non poderían ter fillos e de que estaban pendentes de atopar traballo, pois non lles gustaba vivir da axuda social. Foi un programa de televisión fantástico. Por eso onte, cando escoitei na radio a frase esa de que unha cousa así non debía ser noticia, pensei nas horas e no espacio que se dedican a diario a falar de personaxes banais, sen sustancia humana, instalados na golfería máis descarada, a miles de anos luz destes rapaces que agora van vivir xuntos. Ogallá que fosen máis noticia.