O filme de Ángeles Huerta acada 13 galardóns e Oliver Laxe, o de mellor película. Marcos Nine vence na categoría de realización televisiva por «Historias de aquí»
23 mar 2026 . Actualizado a las 21:29 h.O filme de Oliver Laxe Sirât fíxose onte co galardón a mellor película na 24.ª edición dos Mestre Mateo. Unha gala que chegou por primeira vez a Lugo e que converteu a cidade nun escenario de referencia para celebrar o talento do audiovisual galego. O auditorio Fuxan os Ventos encheu ata a última butaca nunha velada marcada pola intriga, nesa pugna que mantiñan Sirât e Antes de nós, que —centrada na figura de Castelao e a súa esposa, Virxinia Pereira— lideraba a velada por número de nominacións. Dirixida por Ángeles Huerta, foi a produción máis premiada ao acadar trece distincións entre as categorías artísticas e técnicas, igualando así o récord histórico nos Mestre Mateo que acadara Dhogs, de Andrés Goteira.
«Onte dormín na casa por primeira vez despois de dous meses e agradecino moito. Estou moi contento de pechar ciclo aquí, nuns premios que están medrando. Encántame que isto sexa o broche final, é algo case soñado», comentaba Oliver minutos antes do encontro, arroupado por moitos dos seus amigos, entre eles Benedicta Sánchez, a actriz protagonista de O que arde. Laxe, que exerce como profesor no Máster en Produción Xornalística e Audiovisual de La Voz de Galicia (MPXA), chegou coa satisfacción de ter levado aos Óscar a que agora é a mellor película de Galicia, pero sen esquecerse da súa casa. Iso nunca o fai. «Estar coa túa xente, cos teus veciños, é o que che fai entender a realidade. Con eles comparto a miña maneira de estar no mundo», subliñou satisfeito.
Ademais do galardón á mellor película, Sirat —que narra a aventura dun pai e un fillo que se mergullan nas montañas do sur de Marrocos buscando a Mar, a súa filla e irmá, desaparecida durante unha rave— quedouse coas distincións de mellor música orixinal, para Kangding Ray, e do son, para Amanda Villavieja.
Pero foi Antes de nós a produción que obtivo máis recoñecementos. Entre os conseguidos, figuran o de dirección para Ángeles Huerta, quen recolleu o seu segundo Mestre (impúxose nesta categoría tamén no 2023 con O corpo aberto); o de guión para Pepe Coira (tamén profesor do MPXA); dirección de arte para Elia Robles; dirección de fotografía para Lucía C. Pan; dirección de produción a Lucía Caramelo; maquillaxe e perruquería para Chicha Blanco e Lorena Calvo; vestiario para Aránzazu Domínguez; e montaxe para Lucía Iglesias. O filme tamén recolleu os premios de mellor interpretación para os protagonistas, Cris Iglesias e Xoán Fórneas e para os actores e actrices de reparto. Varios deles aproveitaron o seu paso polo escenario para reivindicar o uso do idioma galego lembrando a Castelao, como non podía ser doutro xeito. Una reivindicación da figura do intelectual rianxeiro que tamén protagonizou o discurso de Ángeles Huerta.
Precisamente na categoría interpretativa producíronse dous dos momentos máis inesperados e emotivos da noite, cun premio ex aequo en interpretación feminina de reparto ás actrices Luisa Merelas e Victoria Teijeiro, e coa entrega do premio a mellor interpretación masculina de reparto a Miquel Insua, falecido a comezos deste mesmo ano, e cuxa memoria foi homenaxeada no Fuxan os Ventos.
O galardón para a mellor serie de televisión foi para Weiss e Morales, producida pola compañía Portocabo, de Alfonso Blanco, tamén profesor do máster MPXA. E Marcos Nine, exalumno deste mesmo máster, recibiu o Mestre Mateo a mellor realización televisiva por Historias de aquí, unha serie producida por Voz Audiovisual. Tamén O corpo de Cristo quedou co premio a mellor curtametraxe de imaxe animada. Esta cinta está promovida pola firma Abano Producións, de Chelo Loureiro, igualmente profesora do MPXA.
Xabier Díaz e Mondra
A gala, conducida pola actriz Trisha Fernández e o actor e cómico Federico Pérez, foi emitida pola TVG e contou coa presenza da vicepresidenta segunda do Goberno, a ferrolá Yolanda Díaz, e doutros representantes políticos como o conselleiro de Cultura, José López Campos. A música correu a cargo de Xabier Díaz e de Mondra.
A presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, aproveitou a súa intervención para berrar ben alto un «non queremos guerras» e para destacar a importancia da unión de todo o sector «para fortalecer unha comunidade en constante crecemento».