PALESTINA

La Voz

OPINIÓN

ANTÓN REIXA ÁREA DE SERVICIO

15 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Non están de moda as películas de espías, os gobernos xa non alardean dos seus servicios secretos e unha das consecuencias da guerra fría (que perdemos os de sempre) é que xa non se fala demasiado da CIA porque non ten en fronte a KGB. Sen embargo, na miña conciencia recalcitrante se impón cada vez máis a impresión de que hai demasiadas mans negras contra a causa dos palestinos. Os israelís están perpetrando, amais das reiteradas violacións dos dereitos humanos e do dereito internacional, un verdadeiro xenocidio en Palestina. Ou, se se prefire, unha sucesión constante de micro-xenocidios ante a pasividade internacional travestida de diplomacia. Os datos dos últimos días son elocuentes: desde finais de setembro, noventa e seis víctimas palestinas fronte a oito israelís (estatística tan lamentable en ambos os casos como desigual). Pero cando un segue as informacións nos medios ou revisa as opinións do estadistas internacionais transmítese a idea de que o problema non é fanatismo integrista dos israelís, senón a presunta inacapacidade ou ambigüidade de Arafat para conter a ira popular nos territorios ocupados liderada polas organizacións máis radicais. Xa é triste que os xudeus, que foron víctimas do holocausto, exerzan agora de verdugos. E aínda máis que a opinión pública internacional, que tolerou as barbaridades da OTAN e de USA nos Balcáns, estea cega e pasiva ante a destrucción de Palestina ¿Son tan diferentes Milosevic e Barak? ¿Tanto diñeiro e poder teñen os israelís para manipular o pensamento de millóns de cidadáns do mundo non árabe?