UXÍO LABARTA
11 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Reclamar da Unión Europea a arbitraxe da ONU fronte do Acordo Galápagos, como veñen de facer armadores galegos que operan no Pacífico Sur, máis aló do problema concreto desa flota, é vindicar opcións de futuro nas pesquerías internacionais. As 200 millas de zona económica exclusiva supuxeron un cambeo no principio de propiedade dos recursos pesqueiros a favor dos países ribeiráns e sentaron uns principios xurídicos que deron pé, nos comezos dos 90, a que países como Chile, Arxentina e Canadá modificasen as súas lexislacións para ampliaren os seus dereitos ós recursos pesqueiros fora das 200 millas. En abril de 1993 convocouse unha conferencia da ONU sobre poboacións pesqueiras transzonais e fortemente migratorias. Nela os países que reclaman xurisdicción máis aló das 200 millas conformaron un grupo homoxéneo na súa pretensión de aprobar un novo convenio da ONU que recoñecera o dereito dos países ribeiráns nas augas veciñas a súa zona económica exclusiva. Este grupo formado por Arxentina, Canadá, Chile, Islandia e Nova Zelanda tiña en contra a resistencia da Unión Europea, EE UU e Xapón. Mais esa situación inicial mudou en agosto do 94 cando o presidente da conferencia presentou un principio de acordo que recollía a tese de ampliación de dereitos ós recursos de augas veciñas. Neste contexto desenvólvese a actual liorta entre o Comité Permanente do Pacífico Sur, integrado por Chile, Perú, Colombia e Ecuador, e os palangreiros españois de peixe espada no Pacífico. O Acordo das Galápagos é para regulamentar a pesca máis alá das 200 millas, sobre de todo a das especies transzonais e fortemente migratorias como o peixe espada, e recolle un status preferencial na pesquería para os países ribeiráns fronte terceiros. O Acordo das Galápagos é a visualización dos acordos da Conferencia ONU de especies pesqueiras transzonais. Plantexar diante da propia ONU os intereses de países terceiros na regulamentación dunha pesquería fora das 200 millas, un requisito primeiro para manter opcións de futuro. Fica o interrogante se a UE e o Goberno español lideraran unha ofensiva diplomática que contrarreste a estratexia ben chantada dos países que veñen desenvolvendo, e semella que teimudamente e con non pouco éxito, a política de extensión de privilexios pesqueiros nas augas veciñas as súas zonas exclusivas.