TOCAR

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

09 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

De Albert Camus, a quen citei onte nesta columna, falou sempre moi mal Simone de Beauvoir, a súa colega francesa. Dixo del cousas feísimas, ignoro se certas ou non, aínda que supoño que algún fudamento terían. Por exemplo, que era mal falado, soberbio, narcisista e outras maldades polo estilo. A verdade é que dona Simone non lle quería nada ben e que a relación amistosa entre ambos os dous estivo chea de incidencias negativas, nas que se misturaron os ciumes, as rivalidades e demais miserias, pero sobre todo as desacordanzas políticas. Non discuto que Albert Camus, na súa vida privada, fose moi distinto de como aparecía en público. Non é nada raro: a todos nos pasa o mesmo. En todo caso, como dixen onte, non coñezo a ningún escritor deste século que escribise frases tan fermosas como as que el escribiu: «O home é unha idea, e unha idea ben pobre a partir do momento en que se aparta do amor». Ou tamén: «Non podo comprender máis que en termos humanos. O que toco, o que resiste, velaí o que comprendo».