Á MARXE / Carlos Casares
28 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Onte pola mañá estiven na Coruña e aproveitei uns minutos que tiven libres para entrar nunha tenda de fotografía, atraído por un par de xoias (quero dicir cámaras antigas) que vira no escaparate. Unha delas era un vello soño que acariñaba desde hai tempo, difícil de cumprir pola súa relativa rareza, sobre todo tendo en conta dous factores que case nunca se dan xuntos: bo estado e prezo razoable. Total,que saín un pouquiño máis pobre do que entrara, pero infinitamente máis feliz. Se hai ceo e vou a el, conténtome con que sexa así. E que poda retratar a San Pedro... Na tenda, tamén me retrataron a min. Unha señora agradable que estaba mercando algo achegouse e fíxome unha pregunta: «¿É vostede a persoa que eu penso?». Respondinlle que seguramente era así, non porque eu dubidara de min, senón por medo a que ela estivese confundida. Logo díxome rindo que polas fotos pensaba que eu fora mellor tipo do que era e pediume se podiamos retratarnos xuntos. Ela era alta, pero eu non me atrevín a poñerme na punta dos pés. Por non derramarlle a foto.