RECALDE

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

16 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

En Verines souben polos periódicos do atentado contra José Ramón Recalde, a quen coñecín hai moitos anos, cando el era un dos teóricos do FLP ou Fronte de Liberación Popular, unha agrupación clandestina na que nos xuntabamos, alá pola década dos sesenta, algúns mozos que soñabamos con acabar coa dictadura en España e ó mesmo tempo cambiar o mundo. El escribía uns libros moi intelixentes que os demais tiñamos que ler para formarnos e poder levar a cabo a nosa misión. Era un tipo honrado e legal. Estiven con el en Salamanca, anos despois, nun congreso no que se atopaba tamén Mario Onaindía, que fora condenado a morte no xuízo de Burgos e posteriormente indultado. Recalde seguía tendo a cabeza lúcida de sempre e a mesma alma nobre e impecable. Rimos cando eu lle confesei os esforzos que tivera que facer por culpa del, lendo aquelas teorías súas, cando o que me pedía o corpo era ler novelas ou contos, máis que tratados políticos. Da mesma maneira que o corpo me pide agora loitar contra a tristeza. A xente alegre non pensa en matar.