PNV/PP

La Voz

OPINIÓN

MAR DE FÓRA / Víctor F. Freixanes

01 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

A determinación do PP e Euskadi de non aceptar sequera sentarse a falar co lehendakari Ibarretxe na rolda de contactos que a primeira autoridade vasca propón, é difícil de aceptar. Pode querer explicarse pola canseira das partes, aburridas de tanto discurso e de tanta declaración retórica. Poden argumentar algúns que se trata dunha resposta crítica á falta de novas propostas reais (imaxinativas) por parte do executivo. En realidade responde ó enfrontamento radical, case visceral entre ámbalas dúas formacións políticas (non exento de cuestións persoais), un enfrontamento que vén de vello e que hai poucos días Carlos Iturgaiz resumía nun obxectivo: «O nacionalismo ten que pasar á oposición». Eleccións antes de fin de ano. O PP, incapaz de desenvolver outra fórmula de aproximación ou concordia (similar á que no seu día ensaiaron PNV e PSOE), vén centrando a súa estratexia na derrota electoral do nacionalismo democrático e, para conseguilo, practica dende o primeiro día, a vella táctica de «todos os iguais»: ETA e o PNV, os asasinos e o que eles califican dos seus cómplices. Malia a sucesión de mortos e algúns intentos de buscar vías de encontro entre as formacións democráticas (nacionalistas e non nacionalistas, porque todos son Euskadi), o PP non move posicións; e a táctica selectiva de ETA, escollendo diabolicamente as víctimas, converte os militantes populares en mártires, cruzados da causa: a retórica máis resesa da España premoderna. A resposta da outra parte é parecida. O PNV, acurralado contra si mesmo, e en parte coma reacción á actitude anterior, sabe que o seu electorado (e o ámbito do nacionalismo que podería encarreirar cara á vía non violenta) en ningún caso aceptaría unha claudicación, moito menos unha humillación. A intelixencia dos políticos debería consistir en atopar unha terceira vía, esa intelixente porta de atrás que permita que as partes se encontren no relanzo da escaleira. Mais ninguén move ficha. Lembren a pintura aquela de Goya: dous mozos enterrados ata media perna, atacándose con paus, mentres o público observa. A victoria de un pasa polo aniquilamento do outro. A España bárbara. É como volver ós peores escenarios do XIX. Unha parte do público é ETA, a gran beneficiada. A outra, a inmensa maioría da poboación (a sociedade civil), horrorizada.