ASALTO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

01 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Estes días, ó acordarme das rosquillas do Ramón, a memoria fóiseme cara ós anos felices de Beiro. Co paso do tempo, ata os dramas se convirten en comedias, ou en actos heroicos, segundo se mire. Lembro unha noite de verán, cando estabamos xa todos na cama despois dunha velada preciosa, na que o meu tío Xosé tocara o piano e se puxera a tirar moedas á rapañota, só polo pracer de vernos ós rapaces pelexando entre risos por coller uns céntimos destinados a unha ucha na que cabía un mundo enteiro de ilusións. De súpeto, escoitáronse uns golpes na porta e unha das miñas tías pronunciou unha palabra terrible naqueles anos da postguerra: «¡Os atracadores!». Sen que ninguén se parase a pensar un momento, todos deron por feito que íamos ser asaltados e os homes organizaron a defensa da casa. Como por arte de maxia apareceron pistolas, escopetas e outros artefactos defensivos que os pequenos mirabamos como maravillas. A decepción foi absoluta cando se comprobou que só se trataba dun peregrino. A paz, por fortuna, é aburrida