LECCIÓN

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

27 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

O outro día, mentres tomaba café cuns amigos pola noite, observei que na mesa do lado estaba un señor a quen nunca tiven o gusto de saudar, pero que coñezo de vista e por referencias, mais que nada porque hai anos vivín a conta del unha situación tan ilustrativa da condición humana como pouco edificante. Aínda non é vello, pero vese que os vinte anos que pasaron desde aquela o fixeron gañar en aparencia. No tempo do que estou a falar tiña fama de autoritario e intransixente, activista dunha organización política na que encaixaba moi ben o seu perfil agresivo. Coa idade, supoño que aminguada polos anos a furia dunha alma disposta a facer maldades contra os demais, recoñezo que gañou: ten un aire patriarcal. Na época de referencias denunciou a un amigo meu, editor e propietario dun periódico, por algún artigo ou algo así, non recordo ben. O que si teño moi viva na memoria é a copia da denuncia, que un alto cargo do ministerio lle fixo chegar amistosamente ó denunciado, e sobre todo unha carta posterior do denunciante, que ignoraba este feito, na que se ofrecía como «humilde colaborador de ese excelente diario».