UXÍO LABARTA
24 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.A perspectiva coa que mellor concordo é a de que as relacións de pesca entre a UE e Marrocos teñen de evoluír dun acordo político a un acordo necesariamente económico, tal e como apuntou o señor Lahlou, ex secretario de Pesca marroquí. Aserto ó que unicamente lle engadiría que nese evoluír precísase da política. A pesca marroquí son cento corenta mil empregos, e un dous por cento do seu producto interior bruto. Un tercio das súas colleitas van para a exportación, e dese tercio un outro trinta por cento ven para España. España, por mor do acordo UE-Marrocos ten pescando máis de 400 barcos, 4.500 tripulantes, dos que mil son marroquís, e 11.000 empregos indirectos, capturando unhas 175.000 toneladas. Unha outra faciana do poliedro áchase nos mercados: as exportacións marroquís son excesivamente dependentes da UE e do Xapón, onde os seus intereses colisionan cós da flota cefalopodeira galega que pesca nas súas augas. As restriccións á pesca que veñen supoñendo os sucesivos acordos para a flota comunitaria afortalan a posición marroquí neses mercados. E este aspecto non é compensado polos cáseque 21.000 millóns de pesetas que a UE ten previsto adicar para compensar a Marrocos por permitir o acceso ás súas augas, entanto a UE, coas colleitas alí feitas, obtén un valor engadido de tres veces a suma pagada a Marrocos. O efecto da falta de acordo tamén é desigual para as distintas zonas dende as que operan os barcos españois e para as distintas flotas, e inda sendo moi grovoso para Galicia, aínda o é máis para Andalucía e con menos alternativas. A pesar de que aquí unha política de empresas mixtas aínda ten que ser abordada con moita precaución no discurso político, agás por algúns políticos excepcionais, teño para min que se Marrocos en troques de querer limitar aínda máis a inversión estranxeira na pesca extractiva, permitira no sector pesqueiro a libre circulación de capitais, podería ser alternativa para algunhas das flotas españolas que alí traballan, aínda que de certo non resolvería o problema da maioría. A recente aparición dos superarrastreiros peláxicos holandeses, noruegos e irlandeses traballando con licencias de armadores magrebís e mauritanos, e operando desde portos españois, para un mercado cada vez máis deficitario como o da fariña e aceite de pescado por mor do crecemento do cultivo de salmón e outros peixes, engade outra novidade que diversifica o poliedro marroquí.