CHISTES

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

18 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Desde hai unha tempada observo que se contan moitos chistes de vascos, como hai anos se contaban de Franco e algo máis tarde de Fernando Morán. Son uns chistes tremendos, normalmente enxeñosos, pero cargados de dinamita ou de ácido corrosivo. Confeso que, aínda sabendo que non se trata dunha actitude politicamente correcta, téñome rido con moitos deles. Está claro que non vou contar ningún, porque non estaría ben, a pesar de que o que máis me gusta, sobre un rapaz que crava unha machada na cabeza, é bastante inocente. Ignoro se esta ola se debe a algunha intención ou naceu de xeito espontáneo. Polo visto, por moito que coste creelo, os chistes de Morán formaron parte da campaña relacionada coa entrada de España na OTAN, segundo lle escoitei un día a un experto que parecía saber de qué estaba falando. Espero que os chistes de vascos non teñan procedencia espúria e que non sexan máis que froito das circunstancias. Se fose por eso, ogallá que as circunstancias cambien pronto, aínda que teñamos que deixar de rir. E de chorar.