Á MARXE / Carlos Casares
16 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Desde que volvín da longa viaxe do tren dos escritores non deixei de recibir un só día mensaxes da maioría dos meus compañeiros a través do ordenador. Hai de todo, desde aqueles e aquelas que envían declaracións emotivas de amistade e amor eternos, ata os que recordan diferentes episodios das seis semanas que pasamos xuntos ou contan cousas relativas ás súas vidas. Confeso que me resulta agradable ler estes comunicados, aínda que debo engadir que non son moi dilixente á hora de responder. Onte recibín correo de Aleksandar Gatalica, un escritor iugoslavo que traballa no periódico Danas (Hoxe), onde me comunica que o seu xornal foi multado, unha vez máis, cunha cantidade enorme por criticar correctamente, sen insultos nin estridencias, a un ministro do goberno. O amigo Gatalica pídeme que lle faga un pequeno favor: que o conte na miña columna. Naturalmente que o conto, aínda que non sei se servirá para algo. Quizais non para el, pero si para min e para nós, ó recordarnos que a libertade de prensa non é un ben universal.