VÍCTOR F. FREIXANES MAR DE FÓRA
11 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Aínda non hai moito, doce ou quince anos, entrando en Vigo dende Ourense, sorprendíanse uns arquitectos cataláns da sabeduría da nosa xente, admirados diante do que algúns denominaban a «tipoloxía palafito» de certas vivendas rurais: casas unifamiliares, de nova planta, levantadas sobre columnas ou esteos de cemento, con escaleira exterior, que, segundo os visitantes, parecían ideadas para fuxir da «humidade extrema da terra». Algún do país axiña os desenganou. A tal tipoloxía respondía en realidade, non á defensa contra a humedén, senón contra a lexislación vixente, que obrigaba a construccións de vivendas de unha planta, pero non especificaba onde nin a que altura había de ser, polo que os paisanos deran coa fórmula de levantar edificacións sobre «espacios lóbregos», así os denominaban, que despois cerraban multiplicando os metros útiles «pola porta de atrás». Alvaro Siza, arquitecto portugués, advertiu tamén doutra tendencia moi galega. Consiste en pedir autorización para un plano (o mínimo necesario) e, pasado certo tempo, practicar a política dos feitos consumados: vanse engadindo anexos, levantando galpóns, cerrando paredes de bloque, e ó final ten un o que lle peta, que é do que se trata. Disque isto val para a paisaxe rural e para a edificación urbana, e incluso a constitucional. ¡Líbrenos Deus de lei ningunha que atente contra a soberanía do individuo! Aquí cada quen é o amo do mundo. O primeiro que chega, enche, e o de atrás, arrea. Logo están os camiños e servicios públicos, a traxedia de ceder un palmo para anchear a pista comunal, abrir un foxo para pasar o sancamento, mover un muro para ampliar o quinteiro. E non se pense que é cuestión exclusiva da aldea. Constátase igual nas comunidades de propietarios (¿quen pinta a escaleira?), nas urbanizacións de clase media e nos chalés de señorío. Para sobrevivir hai varias lexislacións vixentes: a Lei do Funil, a Lei do Amiguiño na Xunta, a Lei do Amiguiño no Concello, a Lei dos Caladiños (ti fai e que logo veñan), a Lei de Ocupación pola brava (de comprobada eficacia nas liñas de costa e no litoral), a Lei de «Se fai el, eu tamén fago», a Lei do Pallete Ampliable... Tamén está a Lei do Solo. Pero esta é do 97. Unha criaturiña. Nada que facer ó lado da tradición e o dereito consuetudinario.