TUCHO CALVO
08 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.As últimas horas viñeron representar unha das máis dramáticas demostracións de forza de ETA dende hai moito tempo. A crueldade das súas accións non é novidosa e xa resulta difícil facer un baremo sobre cando establece unha nova marca. Pero, sen dúbida, hai algo diferente neste desafío en plenas vacacións de agosto que supera tráxicamente a dinámica de terror que nunca deixou de nos impoñer dende o comezo da democracia. As circunstancias son tan terribles, que xa é hora de que se poña fin á segunda das treguas que se estableceu neste país, unha tregua tácita de toda a sociedade disposta a colocar nas mans do Goberno a serenidade necesaria para que puidese facer algo para acabar co baño de sangue que non para. Penso que é agora, en quente, sen agardar máis, cando cómpre dicir que resulta patético un presidente Aznar que se permite facer bandeira dunha perfección personal e política que deixa fóra a tódolos demais, invocando, por exemplo, un respecto á democracia que nunca antes de el tería existido. Tan patético como un ministro do Interior que ninguén supera en tempo de pantalla e que, nuns momentos de máxima ineficacia do seu departamento, segue a presentársenos coma un salvador da patria investido dunha perfección mesiánica certamente preocupante. Apoio incondicional O Goberno deberá seguir a contar co apoio incondicional do conxunto das forzas políticas e sociais na loita antiterrorista. Pero non cunha inmunidade que só aproveita para facer permanentemente campaña, desacreditando ós rivais políticos á primeira de cambio. Ese apoio, nunhas circunstancias tan favorables como as que supón o bo entendemento coas autoridades francesas nesta materia, debe servir para que dunha vez por todas entremos nunha vía de solución. E esta chegará polo camiño do diálogo (se é que en algún punto poden ter razón os alleos ó tandem Aznar-Mayor Oreja) e, dende logo, do dunha eficacia policial que vai agora claramente en sentido inverso ás aspiracións duns cidadáns que ven abraiados como só os fallos propios dos terroristas son quen de estragarlles algunhas accións.