MANUEL REGO NIETO
06 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Nesta borracheira de sangue que os descerebrados de ETA levan a cabo; nesta sinrazón a que os leva a loucura radical-nacionalista; neste desacougo da cidadanía un día si e outro tamén, á espera do próximo atentado, chegou _unha vez máis_ a dun militante da esquerda. Para estes tolos de atar e non soltar, cecais a mensaxe de Juan María Jáuregui lles sone a coartada. Jáuregui mandoulle a Mayor Oreja unha mensaxe última, que debera facer reflexionar ó Goberno, xa que logo hai que supor que estamos rexidos por xente normal. Dicíalle o asasinado por ETA: «... que coa súa política de firmeza non hai ningún avance. Este problema _engadíalle Jáuregui a Oreja_ resólvese falando, dialogando e se hai que reformar a Constitución, faise, para que cada quen, sexan nacionalistas ou non, defenda as súas ideas democraticamente». Falar, dialogar..., voltar a falar. Endexamais se deberá ninguén arrepentir de facelo, aínda que claro, ó que ten unha pistola ou unha bomba haino que meter na cadea. E logo seguir falando..., sempre.