ESPÍAS

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

05 ago 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

As historias de espías sempre me fascinaron, polo menos ata o día no que Julio V. Gimeno, periodista ourensán de moito talento e algo disparatado, que arruinou un premio de novela en Valencia ó gañalo nas súas primeiras cinco convocatorias, me confesou que fora contratado por cinco pesetas ó mes para andar de espía polas feiras, alá polos anos cuarenta, co encargo de que para prepararse, antes de entrar en acción, se dedicase durante un par de semanas a ler novelas do xénero. Deulle unha gargallada e renunciou ó traballo. O outro día, na tertulia nouturna de Panxón, Miguel Viqueira, que debe saber destas cousas porque ten diplomáticos na familia, contoume que os servicios secretos británicos inventaron un candado perfecto, imposible de abrir. Como os colegas espías de Israel teñen fama de ser especialistas en abrir calquera clase de pechadura, a eles lle mandaron o artiluxio coa intención de probalo. Os israelís conseguiron abrilo, pero devolvéronllo ós británicos cunha nota que dicía: «Perfecto e inatacable».