Á MARXE / Carlos Casares
31 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Desde hai cousa dun mes levo unha pulseira desas de tecido que agora se usan tanto. Non é por coquetería, que tampouco tería nada de particular, nin por ningunha debilidade de calquera outro tipo, senón por unha promesa. Resulta que en Varsovia, unha noite, mentres ceabamos nunha terraza ó aire libre un grupo de amigos, unha das escritoras presentes sacou do peto varias desas pulseira e fóinolas colocando a todos, homes e mulleres, obrigándonos a facer a promesa de que non a quitaríamos ata que caese de seu, gastada. Muller misteriosa, hipocondríaca e bastante dada a crer en maxias e demais trapalladas dese estilo, díxonos toda convencida de que se algún de nós incumpría a promesa de levar a banda aquela atada nos pulsos, ela sufriría unha desgracia que lle andaba rondando pola cabeza e que afectaría gravemente á súa gorxa. Eu non creo nesas historias, pero gústame compracer ós amigos. De maneira que así ando, facendo un pouco o ridículo, esperando que os baños do verán me liberen pronto desta obriga.