Á MARXE / Carlos Casares
20 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.No tren coñecín a xente xenerosa, máis que egoísta ou insolidaria. Entre todos, os mellores, a parella formada polo poeta Alberto Porlan e súa muller, Gloria Mengual, que actuaba como asistenta de españois e alemáns. Pasaban o día mercando regalos para os amigos, cun entusiasmo e unha alegría que mesmo parecía que estivesen comprando cousas para eles. Un día, paseando pola rúa Arbat, en Moscú, eu descubrín nun mercado, como se fose un soño, unha preciosa cámara Leica antiga e apresureime a adquirila por cen dólares. Setecentas mil pesetas Como había outra, díxenlle a Alberto que aproveitase a ocasión, xa que era unha xoia. Entón confesoume que tiña un amigo fotógrafo e que lla levaría para el. Cando chegamos a Berlín, fun a unha tenda de cámaras antigas e preguntei o precio das Leicas que trouxéramos de Rusia. O tendeiro mirou o meu exemplar con cara de sopresa, abriu un catálogo e amosoume o prezo: o equivalente a setecentas mil pesetas. Comuniqueillo ó meu colega Alberto, que me dixo: «¡Pois vaia alegría que vai levar o meu amigo!».