ADEUS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Estamos xa na hora das despedidas. Entre hoxe e mañá, os cento catro escritores e escritoras que viaxamos xuntos durante máis de sete mil kilómetros, ó longo de mes e medio, a través de once países, somos xa todos amigos, e algúns, bastantes, máis que amigos, como era de prever. De cando en vez, xa se ven lágrimas, apertas emocionadas, declaracións de amistade eterna e intercambio de regalos.

15 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Todo o mundo está feliz pola experiencia vivida, dificilmente repetible, unha especie de soño fermoso que ninguén poderá esquecer. Dezasete hoteis Despois de vivir en dezasete hoteis diferentes e pasar máis de cen horas no noso querido tren, un exemplar do cal, reproducido en miniatura, poderá circular tamén de agora en diante na maqueta ferroviaria que teño na miña casa, non será fácil adaptarse á tranquilidade de cada día. Onte, nas entrevistas que me fixeron en Berlín, dixen o mesmo: o máis importante non foron os debates celebrados cara ó público, senón a convivencia. A unidade europea que quixemos representar coa nosa longa viaxe é posible.