EINAR

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

13 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Hoxe, venres, pola tarde chegaremos a Berlín, punto final desta longa viaxe de seis semanas que empezamos en Liboa o pasado 5 de xuño. O problema dos organizadores, conscientes do rebumbio informativo que nos agarda, é cómo facer para evitar que Einar Örn Gunnarsson, o representante de Islandia, non beba demasiada cervexa no camiño. En Moscú montou un espectáculo mandándolle bicos ás cámaras e poñendo orellas de burro. Ó día seguinte, un xornal ruso titulaba: «Un tren cheo de borrachos». Os organizadores tomárono a mal. Eu teño falado con Einar, que é un bendito, tanto que cando está bébedo segue sendo moi educado. O que lle pasa, segundo me contou, é que ten medo de que acabe a viaxe e volver logo ó país, na súa opinión, máis aburrido do mundo. Díxome que en Islandia teñen tres presos, e sabe o nome dos tres, unha prostituta, que tamén sabe como se chama, e unha muller negra. Cando esta chegou á illa, paraban os coches para mirala. Eu díxenlle que me parecía un país divertido; el preguntoume se estaba tolo.