VARSOVIA

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

12 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Todos estamos felices en Varsovia: non levamos un coche da policía abríndonos paso nin unha ambulancia pechando a comitiva, como en Minsk, pero nos debates dicimos o que queremos sen que as traductoras censuren as nosas palabras. Por outra parte, a cidade é moi fermosa, sobre todo a parte vella, que foi reconstruída despois da guerra casa por casa, adorno por adorno, rúa por rúa. Nela morreron oitocentas mil persoas, unha cifra tan grande que esconde a door de cada morto individual, pois a morte é cousa de cada un. Aquí non se ve a pobreza de San Petersburgo, aínda que tampouco está tan limpa como Minsk, onde resultaba imposible ver un papel tirado na rúa. Polo demais, hai unha grande actividade, moito comercio e alegría de vivir. Tamén hai golfería. Desde que chegamos, por debaixo das portas métennos todos os días anuncios de señoras sen roupa e cos números de teléfono. Eu non os recollo como protesta, pero tampouco as mulleres que limpan o cuarto. Así que teño a moqueta completamente chea de pecados.