MILLÓNS

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

09 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

O sábado, pouco antes de coller en Moscú o tren que nos habería traer ata Minsk, en Bielorrusia, cando eu ía paseando pola rúa Arbat, no centro da cidade, de pronto achéganse unhas rapazas, pregúntanme en castelán se eu son a persoa que elas pensan, dígolles que si, cóntanme que son galegas que están de excursión en Rusia e facémonos unha foto xuntos. Nunca pensei que esta columna, que empecei a escribir hai xa bastantes anos sen moitas ganas, acabaría por darme tantos amigos e facerme vivir situacións tan divertidas. En Minsk estou vivindo tamén unha experiencia fascinante: son millonario. Fun cambiar cincuenta dólares e déronme cuarenta millóns de rublos deste país. Durante o almorzo, Gloria, unha compañeira do tren, pediume diñeiro e deixeille vinte millóns como se nada, mentres comía unha mazá. Logo saín pola cidade e tomei un café (cento cincuenta mil), merquei unha película para a cámara (dous millóns) e vin uns calcetíns preciosos por setecentas mil. Igual os merco mañá. Total, con esta millonada.