CIFRAS

La Voz

OPINIÓN

AREA DE SERVICIO / Antón Reixa

02 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

A min, polo menos, no che me saen as contas. A conselleira de Familia pretende subvencionar ós fillos dos emigrantes para que volvan. Sempre é de xustiza que os galegos (ou os seus descendentes) que se viron forzados á emigración volten porque non marcharon de turistas nin por máis aventura cá de sobrevivir ó atraso económico. Pero neste caso parece que máis que unha cuestión de rehabilitación histórica é unha operación para paliar a presunta crise demográfica de Galicia. E digo «presunta» porque non sei eu por qué do feito de que nun territorio viva menos xente se ten que derivar que sofre unha situación de crise. A cousa, para min, sería cómo vivimos e non cántos vivimos. Porque o desconcerto de cifras e estatísticas continúa: somos poucos galegos e eso considérase negativo (crecemento do producto interior bruto, consumo interno, etc.), pero tamén é certo que os índices de paro en Galicia superan á media española. Polo tanto haberá que subsidiar algo máis cá viaxe e a reinstalación no territorio de todos estes compatriotas, ó mesmo tempo que haberá que facer compatible a satisfacción desa débeda histórica coa non discriminación dos parados que xa están aquí e que non tiveron nin sequera a opción de emigrar. E en código de solidariedade miremos para o sur e preguntémonos que pode facer este país envellecido nun continente que debería de ser de acollida e non de rexeitamento para todos eses náufragos de patera fráxil e ilusión perplexa. A verdade é que o mundo está mal feito.