TALLINN

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

01 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Dos países bálticos que visitamos, Estonia foi o que máis me gustou. A capital, Tallinn, parece de conto de fadas: rúas estreitas, mercado na praza maior cos tendeiros vestidos con roupa medieval, casas hanseáticas... O nivel de vida semella bo e nada permite recordar que este país formou parte da Unión Soviética ata hai dez anos. Non se ven meniños pola rúa, ó revés do que pasaba en Letonia, que por certo ten unha moeda ridícula: máis de trescentas pesetas por un latis, nun país no que un bo soldo son cincuenta. Os problemas de Estonia son de integración. Do millón e medio de habitantes que ten, máis de catrocentos mil son rusos, unha parte dos cales non conseguiron aínda a nacionalidade. Loxicamente, síntense discriminados e moitos deles están nas listas do paro. As autoridades do país son moi celosas da identidade estoniana e aplican unha política moi restrictiva a ese respecto. Veremos cómo lles sae, precisamente agora, cando o mundo se está convertendo nunha mistura de xentes, de linguas e de colores.