CARLOS CASARES Á MARXE
30 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.En Letonia despedíronnos cunha cea nun barco, que nos levou desde Riga, polo río Duína, ata a desembocadura no mar Báltico. Os máis animados, entre prato e prato, bailaban na pista, ó son dunha boa orquesta. Do resto, uns dedicábanse a falar, sentados aquí e alá, outros a beber en silencio e moi poucos a pasear pola cuberta, pois fóra ía bastante frío. En total, a viaxe durou varias horas e chegamos ó hotel un pouco cansos, concientes de que ó día seguinte había que erguerse ás seis da mañá para marchar a Estonia. Chegamos a Tallinn, a capital do país, onte pola tarde. Como hoxe non teño intervención, poderei facer turismo ata as sete, que nos recibe o Presidente co corpo diplomático. Despois, xa veremos. Esquecíame de dicir que lle fixen a homenaxe a Angel Ganivet, coa axuda de Inga e Viktorija, duas estudiantes universitarias que falan español moi ben. No barco elas regaláronme unhas flores e botámolas no río no que se afogou, cando pasamos á altura da casa onde viviu. Pouca cousa, pero feita co corazón.