CARLOS CASARES Á MARXE
27 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Estamos en Vilna (ou Vilnius, como se escribe na súa lingua orixinal), capital de Lituania. O cambio respecto de Kaliningrado é radical. Esta é unha vila moi fermosa, cun centro histórico cheo de interés, convertida tamén, polo que se ve, nun lugar turístico. A xente ten o aspecto dos seus veciños nórdicos e parece moi amable no trato. Case nada recorda, como ocorría en Kaliningrado, que este pequeno país, de pouco máis de tres millóns de habitantes, formou parte da Unión Soviética ata hai dez anos. As cousas funcionan ben. Despois dos fastos rusos do outro día, aquí todo se desenvolve dunha maneira moito máis discreta. Rematados os debates e as lecturas, as recepcións oficiais foron tamén sobrias, sen bandas de música nin outros excesos. Primeiro estivemos co alcalde, un home de moi poucos anos, e algo máis tarde recibiunos o presidente da República no seu palacio. Os discursos de ambos os dous foron breves e concisos e non se pareceron nada ós do gobernador de Kaliningrado, que mandaba antes e segue mandando agora.