Á MARXE / Carlos Casares
23 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.A chegada a Polonia supuxo deixar a Europa rica da eficacia para entrar na pobreza digna dos antigos países do Este. Ata agora, as maletas deixabámolas na porta da habitación dun hotel e entregábannas no seguinte. Nada deso ocorreu o xoves pola noite, cando o tren parou na cidade de Malbork. Sen embargo, os polacos ofreceron o que teñen: mandaron un grupo de soldados á estación e foron eles os que se encargaron de baixar as equipaxes do tren. Como, por outra parte, no hotel non había ascensor, tamén subiron as maletas ata os cuartos. Malbork é unha cidade polaca pequena, situada perto da costa do mar Báltico, que vive arredor dun castelo medieval imponente. Os ingresos que xeneran as visitas dos turistas no verán son a riqueza maior da vila. Curiosamente, sen embargo, ninguén fala inglés, nin francés, nin alemán: só polaco e ruso. Pedir un simple café, unha cervexa ou algo de comer convértese nunha aventura. Onte, por exemplo, pedín un café e trouxéronme unha caixa de mistos. O sábado estaremos en Kaliningrado. Será parecido.