ANTÓN REIXA ÁREA DE SERVICIO
18 jun 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Putin declarou esta semana que Aznar non era tan seco como lle informaran, despois de entrevistarse con el e en rolda de prensa conxunta, aínda que seguimos sen ter máis información sobre a amizade entre Blair e o propio Aznar. Múgica alardeou, cando xa se sabía do seu nomeamento como «defensor del pueblo», de que era amigo persoal de Aznar: estraño aval para o cargo que debe compensar os erros e discriminacións de gobernos e xuíces. Xosé Cuíña quixo tranquilizar á opinión pública galega, a propósito dos confusos calendarios viarios e ferroviarios, con algo parecido a: «Non hai problema, Álvarez Cascos é un amigo». Entre os puntos a favor que lle imputan a Bono na súa ególatra ascensión está o de ser, simultaneamente, amigo de Felipe González e de Ruiz Gallardón. Manuel Fraga dixo en Chile que a transición española comezou cando se fixo amigo de Santiago Carrillo e presentouno nunha conferencia. Creo que se pasan con tanto colegueo, permítaseme simplemente a perplexidade de preguntar ¿e iso é bo ou é malo?